Thursday 02 de May de 2024

Moeche licita as obras do Centro de Apoio ao Desenvolvemento Rural


 

O Concello de Moeche publicou hai uns días na Plataforma de Contratación do Estado os pregos técnicos e administrativos para a execución das obras de reforma da antiga nave dos queixos de San Ramón. O inmoble acollerá o Centro de Apoio ao Desenvolvemento Rural cofinanciado pola Deputación da Coruña que funcionará no futuro como centro de transformación alimentaria de produtos de proximidade, pero tamén como espazo formativo e de traballo en rede ao redor do medio rural. Os pregos cifran o prezo de saída da intervención en 157.162,35 euros, ive incluído. As empresas do sector que queiran concorrer á licitación teñen de prazo até as 23.59h. do próximo 18 de agosto para presentaren as súas ofertas.

Moeche licita a obra por procedemento aberto simplificado, aprobado en sesión plenaria de conformidade co establecido pola Lei 7/1985, de 2 de abril , reguladora das bases de réxime local. O prazo para presentar as ofertas estará aberto ata o 18 de agosto ás 23.59 horas. Os principais criterios de valoración das ofertas son o prezo, a ampliación de garantía e a redución de prazos de execución, posto que as obras deberán estar rematadas nas primeiras semanas de 2021.

As licitadoras interesadas deben presentar as ofertas electronicamente e poden acceder aos pregos de cláusulas administrativas e técnicas, así como á documentación correspondente, na plataforma de contratacion do Estado a través do perfil do contratante do Concello de Moeche.

Financiamento provincial, europeo e autonómico
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González, e maila alcaldesa de Moeche, Beatriz Bascoy, asinaron o pasado 19 de xuño o convenio de colaboración entre ambas administracións para converter a antiga nave dos queixos de San Ramón nun centro de ámbito comarcal de apoio ao desenvolvemento rural.

O acordo supuxo contar coa achega necesaria – 103.545,99€- para poder iniciar a contratación das obras dun proxecto impulsado polos concellos de Moeche, Cerdido, San Sadurniño e Valdoviño. Esta cantidade súmase aos 119.600 euros de fondos europeos xestionados polo GDR Seitura 22 dentro do programa Leader, que se destinarán ao equipamento, e aos 12.000 achegados pola Dirección Xeral de Gandeiría para a redacción do proxecto.

O futuro centro concibiuse como un punto totalmente equipado para a transformación alimentaria da pequena produción da comarca, pero tamén como lugar de formación e intercambio de ideas integrado na Rede Provincial de Espazos de Traballo, da que xa forman parte concellos como Oleiros, Boiro, Brión, Ames e Carballo.